Sunday 05 de May de 2024

O Concello e Down Coruña poñen en marcha “Down Café” no quiosco da praza de Ourense


A alcaldesa, Inés Rey, que mantivo unha reunión en xuño para abordar este proxecto apostou desde o inicio do mandato para que saíse adiante
O Goberno local traballa conxuntamente coa
Asociación Síndrome de Down Coruña desde xuño nun proxecto de inserción laboral para
persoas con diversidade funcional. Tras diversas xuntanzas e análises en profundidade do
proxecto, ambas as entidades acordaron poñer en marcha esta iniciativa nun espazo de
titularidade pública. Mañá, a Xunta de Goberno local acordará a concesión demanial directa
e gratuíta da parte do quiosco municipal da praza de Ourense non ocupada polo IMCE.
A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación subscribiu coa Asociación
Síndrome de Down Coruña un convenio de colaboración o pasado 26 de novembro de
2019, coa finalidade de contribuír a realizar un programa de adestramento para adquirir e
mellorar as habilidades de comunicación persoal e social para persoas con síndrome de
Down e outras discapacidades intelectuais.
Neste senso, o proxecto “Down Café” ten como obxectivo impulsar a inclusión laboral, a
actividade laboral remunerada, que consiste en promover a capacidade de autoxestión e
desenvolvemento na iniciativa empresarial. Así, varias persoas da asociación formáronse
neste tipo de traballos relacionados coa hostalaría e especialmente en servir e preparar
todo tipo de clases de cafés.
Nos últimos anos fixéronse avances notables neste senso, traballouse na liña de formacións
laborais con perfís para postos específicos orientados a persoas deste colectivo. Trátase de
postos de traballo adaptados que teñen en conta as súas capacidades e apoian naquelas
que precisan máis desenvolvemento.